miércoles, 12 de julio de 2017

Os comedores de patacas

Vincent Van Gogh, Os comedores de patacas

O título que me permito roubar dobremente  (querido Manolo Rivas, "quen rouba a un ladrón ten dez años de perdón") é tan xeitoso que tanto me ten que as súas connotacións orixinais vaian marchando ao longo do meu escrito: falarei de patacas e de xentes que as comen, de xeito que se os tons terrosos se dilúen, tampouco me vou preocupar demasiado. 
Tivemos boas racións de patacas a la importancia nos telexornais da pasada primavera, debido á praga de couza guatemalteca. Non sei se realmente ven de Guatemala, pero fixo unha das de Guatepeor. As nosas señoriñas non puidieron poñelas --o de sementalas ou cultivalas ten ecos de manobra multinacional; as familias "poñen" as súas hortalizas e verduras, e despois vannas "apañar",  nada de colleitalas--, o que obrigou, anatema! a mercalas no súper. Non vai o conto da cuestión económica, xa que a meirande parte das veces non sae a conta poñer os teus propios tubérculos, senón da idea de comer patacas de sabedeusonde, apañadas sabedeuscomo por sabedeusquen.  Non se pode saber que patacas on as mellores para o guiso, para os cachelos ou para fritir. Non imos confiar nunha etiqueta arrusticallada , "Patatas del abuelo", "Patatas el terruño", que pretende saber máis ca nós, que levamos nos xenes a herdanza das xeracións de pataqueiras e pataqueiros.
"O pataqueiro" ven sendo un posto de patacas fritidas que leva vindo moitos anos ás festas do Carme. Hai outros que venden patacas, "salchipapas" e outros manxares altos en graxas e sal,  pero o pataqueiro é o pataqueiro, é a nosa tradición familiar para inaugura-las festas e hai que baixar unha noitiña come-las patacas fritidas, camiñando entre os caballitos --nome xenérico para as atraccións de feira, que deu na miña vila, descoñezo se noutras tamén, o adxectivo "caballiteiro/a" para as persoas rechamantes no vestir e no facer--.
Nas festas tamén comemos moito cachelo, acompañando ó polbo ou ácarne ó caldeiro,  patacas novas coa tona (a nosa versión das canarias "papas arrugás"), e por suposto hai patacas con chícharos nas caldeiradas de peixe, pero a versión enxebre do "fish and chips" é outra cousa. A pobriña da pataca leva as culpas todas dos quilos de máis, pero en realidade é ben sabido que o que nos presta son os mollos que lle botamos, como o rexistrado polo espelido dono de "Las Bravas", no "Callejón del gato", redundantemente madrileño.
En Madrid precisamente, teño visto moitas "freidurías artesanas de churro y patatas", que tamén nalgunhas cidades e vilas galegas debeu haber no seu tempo, pero xa non coñezo máis que os postos ambulantes. O que si temos son algunhas dignas representantes das patacas fritas "de bolsa", como as Bonilla a la vista, en cuxa chocolatería ainda teño tomado churros hai moitos anos.  Sei tamén que A casa vella fai patacas que fachendean de produto e proceso.
Cando se proban estas patacas fritidas de carácter artesán vese ben a diferenza cos productos industriais --por favor, non lle chamemos patacas a esa cousa que vai en botes de cartón--, ainda que de nena sempre soñaba con ter unha bolsa de patacas fritidas para min soa e non a ter que partillar. E tamén --confesade que vós tamén o tedes feito-- tentaba supera-lo reto de Matutano "¿a que no puedes comer sólo una?"
Polo que se ve, este lema naceu en México, de man da axencia publicitaria Publicidad Ferrer, que levaba á sazón (e ben sazonada) a conta de "Sabritas", que recibiu e recibe nomes diferentes, ata chegar ás "Lays".
Pois non era quen, nin creo que agora fose. Coñécese que o --rapidísimo-- proceso de adición ás graxas, o azucre e o sal son cousa ben coñecida e aproveitada polas corporacións alimentarias, que nos teñen, como reza o libro de Michael Moss, 2016 "Adictos á comida lixo", e como remata de dicir o documental da produtora Laurie David, "Fed up", ben fartos, e non precisamente coma Pepes, que é como nos gusta rematar a nós.
 

No hay comentarios:

Publicar un comentario