viernes, 28 de julio de 2017

Quedar de pedra

Petra, Xordania, do aqrquivo de  www.visitpetra.com
Se me din agora mesmo "marchamos de viaxe!", non o dubidaría, iría a...Nova Iorque. Pero en dura disputa con ela están Stonehenge, Pompeia e Petra. A mestura entre elementos naturais e intervención humana é unha das miñas delandeiras. Encántame ver como as persoas fomos chegando a una caste de simbiose coas distintas contornas, aproveitando con sabedoría os materiais e as circunstancias, como fan os demais seres vivos: orientamos as construcións ó sur para quentarnos e iluminarnos co sol, fabricamos ferramentas e vivendas coas pedras que nos brinda a terra e moldeamos a arxila para facer olas e tellas.  Por iso estes lugares (Petra, Pompeia e Stonehenge) chaman por min, porque neles aínda pode sentirse --ainda que sexa de xeito organizado, como parque temático para turistas con ínfulas culturetas-- esa relación entre a terra e nós, entre a pedra e nós.
A propia temporalización das primeiras etapas históricas, é dicir, cando o ser humano toma conciencia da súa entidade social, fíxose en torno á pedra: "Paleolítico" e "Neolítico", pedra vella e pedra nova, simplificando moito. E despois das pedras viñeron os metáis.
Que queredes que vos diga: será porque estou últimamente rodeada de cousas bonitas, pero a min sóname a xoiaría. As doas de pedra, enfiadas unha a unha, conforman as sartas que adornarán pescozos e pulsos en calquera parte do mundo habitado, as pedras engarzadas ou engastadas nos diademas ou nas coroas serán os primeiros símbolos externos de poder e riqueza: naceu a sociedade e naceu a fachenda? Se nos guiamos polo comparativismo, é algo atávico, propio do cortexo sexual. Como non temos prumaxes, enfeitámonos con pedras; nada máis a man.
A consideración de preciosas ou semipreciosas é unha cuestión de fermosura (de aí a traslación de significado), pero tamén de aprezo e escaseza.
Nos primeiros achados arqueolóxicos --si, xa sei que é unha xeralización sen nada de rigor, pero isto é o meu caderno virtual, para aprender están os manuais-- atópanse enxovais compostos por xoias, tanto en homes como en mulleres. De feito, máis en homes que en mulleres. De como foi pasando o adobío a ser case exclusivamente feminino non teño tempo de falar, pero daría para moito. Apunto unha obviedade: a muller pasou a ser ela o adorno do home. Pero estábamos a falar de xoias, concretamente de pedras.
Ainda que algunhas delas presentan bonitas cores e brillo no seu estadio natural, a meirande parte precisa dun proceso de lapidación ("pedras, pedras para a lapidación!"), que pasa por tres fases principais: o corte, o desbastado e o facetado e puído.
No primeiro estadío, a pedra é separada da rocha nai, ou ben é resultado do corte dunha pedra maior, como cando os traficantes de diamantes ou os ladróns de xoias fan dun pedroulo varios pequenos para non ser rastrexados. A min gústanme as pedras grandes. Entendo o valor dun pequeno brillante, pero, será por compensación, co que gozo é cunha enorme amatista, un pedrón de xade, unha ágata de cor particular...por soñar que non quede. Hai tempo que ando detrás dunha malaquita, pero non dou atopado unha peza que me encha o ollo. A última que vin tiña unha cor perfecta, pero a forma non me dicía nada, todo hai que pensalo, porque tan importante ou máis que a pedra en si é como vai tallada.

 
Só os diamantes tallados en brillante merecen o nome de brillantes, pero case calquera pedra pode levar unha talla brillante, a redondiña, facetada e clásica. O facetado das pedras imita os cristais, tan difíciles de atopar puros e nun tamaño que permita a observación directa, pero tan fermosamente visibles se achegamos a mirada.

Todos sabemos que a química permite crear cristais,
 que non teñen por que ser azuis, pero parece ser
 que é a cor máis popular.
Normalmente prefiro as pedras só puídas, pero hai que recoñecer que o facetado (con tantas matemáticas combinacións) dálle un valor singular ás pedras.  Voltamos outra vez ás cidades e á paisaxe humanizada: a maravillosa natureza é valiosa por si mesma, pero os caprichosos seres humanos podemos puíla e tallala para darlle ilusión de regularidade. A min gústame.

No hay comentarios:

Publicar un comentario